luns, 15 de abril de 2024

Asistimos a un debate académico na UVigo

O club de debate do noso IES, coordinado desde a Biblioteca, asistiu hoxe a un debate realizado polo alumnado de terceiro curso do Grao de Dirección e Xestión. Vivimos a dinámica do debate en directo e xa temos ganas de empezar a traballar no noso debut!




martes, 9 de abril de 2024

Última sesión do club de lectura Petiscos de arte

Na tarde de hoxe celebrouse a última sesión do club de lectura Petiscos de arte. Traballamos co libro Mira qué artista. Alexander Calder da editorial Combel e coa arte cinética. 

Grazas pola vosa implicación durante este curso. Vémonos o curso que vén!




luns, 8 de abril de 2024

Roteiro ao Pazo de Meirás e A Coruña de Luísa Villalta

O pasado martes 2 de abril, o alumnado dos Clubs de Lectura de Narrativa e Igualdade desfrutou dunha visita guiada ao Pazo de Meirás despois de ter lido a obra de Eva Mejuto, A ladroa da biblioteca de Meirás. A visita foi realizada grazas ao Concello de Sada e á Deputación da Coruña, quen facilita as guías de xeito gratuito. Soubemos así da historia deste lugar, que pertenceu nun primeiro momento a dona Emilia Pardo Bazán e pasou despois, xa en ditadura, a mans da familia Franco, tal e como se relata tamén na novela de Eva Mejuto.

Pola tarde, os alumnos e alumnas realizaron un roteiro pola cidade de A Coruña acompañados pola escritora Eli Ríos, que os guiou polos espazos nos que discorreu a vida e a obra de Luísa Villalta, escritora, filóloga e violinista galega á que se lle adica o Día das Letras Galegas neste ano 2024. Ninguén mellor que Eli Ríos para levar a cabo este labor, xa que é coautora do libro Alma de violino, biografía de Luísa Villalta, obra da que o alumnado leu parágrafos significativos. Tiñan xa coñecemento desta escritora por ter lida a biografía editada por Xerais Melodía de palabras, feita por María Canosa.

O noso alumnado foi acompañado nesta xornada literaria polo Club de Lectura do IES Sánchez Cantón (Nube de palabras) e a súa coordinadora, Anxos Rial. É grazas á súa xenerosidade que puidemos facer esta viaxe de xeito gratuíto, pois correron con todos os gastos do transporte. Moitas grazas!










venres, 22 de marzo de 2024

Última xornada da Semana CAM 2024

Na xornada de hoxe tivemos un faladoiro sobre os cómics favoritos dos clubs de lectura de Xunqueira I e Xunqueira II. Despois, celebramos o Pasapalabra cos oito clasificados do Kahoot de onte e acabamos a xuntanza cun obradoiro de koinobori e chapas e unha merendola na cafetería. Grazas a Cecilia, Gema, Mohamed, Juan, Óscar e Nora pola coordinación das actividades de hoxe.














xoves, 21 de marzo de 2024

Actividades da Semana CAM

Na xornada de hoxe convidamos ao Club de manga e cómic de A Xunqueira I para gozar de actividades como a charla sobre Cosplay (dirixida por Gema e Xiana), o kahoot (organizado por Cecilia) e a proxección do clásico do Estudio Ghibli "La tumba de las luciérnagas".










mércores, 20 de marzo de 2024

A biblioteca recomenda El duelo de Paula Cheshire


A semana pasada tivemos o pracer de coñecer a Paula Cheshire no marco do Salón do Libro de Pontevedra, e quedamos con ganas de achegarnos á súa obra. Trala lectura de El duelo, non podemos deixar de recomendárvolo. Trátase dunha obra en viñetas e autobiográfica na que a autora explica o proceso vivido trala morte da súa nai por un cancro. É un libro para chorar, empatizar, comprender as emocións dunha filla que perde,  inxustamente, á persoa máis importante da súa vida. Mais tamén para rir coas súas ocorrencias, gozar dunhas ilustracións potentísimas e descubrir, con ela, que a arte pode ser unha terapia. 

Non nos dá chegado o momento de ler a seguinte: Me das ansiedad. E que veñan moitas máis para seguir gozando da BD de Paula. E da súa especial sensibilidade.




Gañador do Combate Pokemon na Semana CAM

Hoxe celebrouse a final do Combate Pokemon, organizado dentro da Semana CAM. Parabéns ao gañador!