
Encontros
en negro, que así se titulaba o acto, estivo cheo de
emocións, risas, humor, interese e sorpresas. A primeira foi que ningún
dos autores -vaia!- calificaba a súa obra exactamente como novela negra.
Dolores Redondo afirmou non atoparse dentro das "marxes" da novela negra, xa que na literatura os límites están para ser traspasados.
Para Domingo Villar, a súa novela, máis que negra, aínda que tamén, é novela
social. E Pedro Feijoo bromeou co seu convite a falar de algo co que non tiña
moito que ver.
Tamén
coincidiron na idea de que a esencia da “novela negra” -se é que as súas son
desta cor- é o caos que xera o crime ou os crimes que nela se relatan. Estas situacións de caos acaban por afectar a moitas persoas, relacións, afectos, sentimentos… pero a novela negra te tamén a recompensa de
recuperar un orden final.
“Nunca
houbo para min folio en branco”. Así respondía Dolores Redondo á pregunta de
cándo é cómo da inicio ás súas novelas. A autora dixo non sentarse a escribir
ata ter a historia completa. O longo e complexo proceso require dunha
elaboración interior. E explicouno cunha metáfora. “Imaxino un mundo interior
no que caen sementes de todo o que me rodea. Algunha desas sementes arraiga e convértese
nunha planta. Entón teño conciencia dunha idea inicial. Logo vexo que crece a planta.
Vou sabendo cousas coma se mas soprase ao oído. Cando a planta xa creceu e é como
unha árbore, entón escribo a novela”. Este é o proceso de creación, o máis
importante: logo ven a rutina de escribir.
Algo
parecido ocórrelle a Pedro Feijoo que non escribe unha soa páxina ata que non
sabe como acaba a historia: “Necesito estruturas, un mapa de estradas para
empezar a escribir”. E, ás veces, cando dubida qué camiño seguir, qué palabra
escoller, qué frase podería dar comezo a un novo capítulo o comenta coa súa
parella Marta, sempre disposta a escoitar. Cada
vez que falaba Pedro Feijoo, víñaseme á cabeza a imaxe de Simón Varela, protagonista de Os fillos do mar. Creo que neste
personaxe hai moito do autor.
Moi
diferente é o esquema de traballo de Domingo Villar. Aínda que tamén necesita
contar coa idea xeral, non ten conciencia completa do que vai pasar. É máis o
estímulo do descoñecido o que lle anima a escribir.
Pois ben, entre bromas, risas e demais licenzas coñecemos que Dolores Redondo utiliza ao seu home para simular os crimes das súas
novelas. O seu perfeccionismo esíxelle que as accións sexan cribles. Por iso ensaia “sen levalas ao límite". Descubrimos tamén que os nomes dos
personaxes das novelas de Domingo Villar son en moitos casos os dos
seus compañeiros de estudos e mesmo algunhas das escenas “ transcorren” en vivendas
de amigos e familiares.
E como colofón os tres falaron das súas próximas creacións e incluso adiantaron algún detalle, pero reservámonolo para manter a
curiosidade e a expectativa, sobre todo pola de Domingo Villar, que xa vai
sendo hora.
Na biblioteca atoparedes
as obras destes autores e no blog comentarios sobre algunhas delas. Algúns deses libros levan a sinatura dos autores e están dedicados a vós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario